Participamos no programa de custodia do territorio “Vive o Mandeo”

O sábado 11 de febreiro, a Deputación da Coruña fixo entrega dos diplomas acreditativos ás diversas entidades e colectivos que van participar no programa de custodia do territorio “Vive o Mandeo” encadrado dentro do Proxecto Mandeo.

cem s.coop.galega encargouse da formación dos grupos de voluntarios que adoptaron diversos tramos do río Mandeo.


O programa de formación tiña como  obxectivos achegar a poboación local ao entorno do río Mandeo e a súa bacía para que coñeza os valores ambientais e patrimoniais que atesoura, concienciar da importancia de adoptar actitudes encamiñadas a protexer e mellorar o río, traballar para mellorar a calidade dos ecosistemas fluviais da súa cunca, estimular e potenciar a participación cidadá na conservación do patrimonio natural e cultural do Mandeo e  establecer unha rede cidadá activa na protección da cunca do Mandeo, que permita coñecer o seu estado  e prever os problemas ambientais e aportar solucións cara á súa conservación.



O programa de formación constou dunha fase teórica na que se deron a coñecer os principais valores ambientais do LIC Betanzos-Mandeo e unha fase práctica na que se aprendeu a realizar a monitorización e a toma de datos no río de acordo coa metodoloxía establecida polo “Manual para a avaliación do estado ecolóxico do sistema fluvial do río Mandeo”  editado polo Proxecto Mandeo.


A nosa empresa, comprometida coa conservación e mellora do noso medio natural, participa ademais no proxecto Vive o Mandeo, mediante a adopción do tramo do río Mandeo que discorre entre a Ponte Teixeiro e o muíño de Chelo.



 


Máis información en Vive o Mandeo